16.6.08

OS ARRECENDOS DA CASA DE HELENE





Estivemos con TERESA MOURE:


"Herba Moura" ten unha forte carga ideolóxica; é unha defensa das mulleres, dos saberes das mulleres que non pasaron á historia; os saberes populares, a tradición de curar que logo dará lugar á ciencia e será durante moito tempo exclusiva dos homes.



Os arrecendos da casa de Hélène


E a casa de Héléne, pequena, sen ornatos, arrecendía a limón e a tomiño, a menta, a pementa verde, a maiorana, arrecendía a auga de chuvia, a suspiro, a eucalipto, a sésamo, a tilo, a marmelo, a penas pasaxeiras que poden ser amañadas, a poalla, a música, a serpol, a roseira brava, a morriña, a loito por unha meniña na lembranza, a herba abelleira, a fiollo, a eneldo, a risas que saen do ventre, a coidados, a pucheiro de substancia, a estragón, a aceda, a perexil, a libro vello, a libro novo, a tinta, a amorodo silvestre, a regalicia, a falso espiño, a pel ben satisfeita, ben acariñada ‑e ben lambida, a ortiga, a gatuña, a trevo, a tantas e tantas cousas arrecendía, que xa non se podían nomear, a pimpinela, a lingua de ovella, que nin nomes tantos había, a prímula, a herba benta, a capuchina, a cecimbre, para explicar, a herba luísa, a alguén que nunca tivese entrado, a semprenoiva, a leiburiña, como arrecendía a casa de Héléne. Que tiña un aquel doce que espertaba os sentidos, a pé de óso, a caraveleira, e os elevaba ata o grao máximo do pracer, a canela, a milenrama, a comiño, e un non podía deixar de mergullarse no aroma, a sabugueiro, a malva real, a herba de San Guillerme, e quedaba prendido dunha certa éxtase, a coandro, a trigo mouro, dunha sensación salvaxe, a fiúncho, que semellaba moito a morte..., a grosella, a arraclán, a abruño, mais unha vez iniciado o acto, a linaria, a levistico, o acto de ulir, claro... en que estaría ela pensando?, a caléndula, a borraxe, a asento, non se podía senón continuar, a arando, a visgo, a herba da crus, e sobre todo a framboesa, ata a fin… buuuuff. Que ben quedaba o corpo logo de entrar nese arracendo da casa de Hélène.
Herba moura. Teresa Moure, ED. Xerais. (cap.9, pax.243-4, parte 2)

SAN XOÁN: AS HERBAS


É a noite do lume, das lumeiradas, fogueiras, cachelas ou cacharelas; da auga, reviven as propiedades das fontes santas e milagreiras, das nove ondas do mar (purifican e fecundan), do orballo; e tamén do mundo vexetal.
Esta noite as plantas acadan o mellor das súas propiedades curativas e máxicas. Por iso, as mozas recóllenas para poñelas nun caldeiro con auga. Alí teñen que quedar ó orballo da noite e pola mañán tódolos membros da casa, en especial os nenos, lávanse con esta auga milagreira.

ROSA CANINA, FENTO MACHO, FIUNCHO, HERBA LUÍSA, HERBA DE SAN XOÁN, MALVA, CODESO, ROMEU, SABUGUEIRO, CROQUE, NOGUEIRA, TORVISCO.

As herbas, atadas nun feixe, deixábanse nun caldeiro con auga, toda a noite, ó sereno (para a bendición do San Xoán).

A mañán seguinte, lavábanse coa auga e gardaban as herbas que secaban ó sol, para logo usar como menciñas.
Curábase tamén ós nenos do enganido, fendendo en dous un carballo e pasando ó neno pola fenda. Interviñan dous Marías ou unha e un Xoán, decindo: "Toma María. Daca Xoán. Doucho crebado. Darásmo sán". Atan de novo a árbore e se solda, o neno cura.

Tamén hai a crenza de que si as mozas meten as herbas baixo da almofada, coñecerán quen vai se-lo seu home.

Pendurando do leito as herbas de San Xoán, pódese sabe-la sorte dos ausentes.