17.4.09

Sesión do clube de lectura en galego: Comedia bífida

O xoves 16 tivemos a 1º sesión de "Comedia bífida"; non estivemos ao completo pois algunhas das nosa chicas participaban no concerto da Semana da cultura e tiñan que ensaiar. Sobre este primeiro encontro comezamos lendo a análise que Roberto Pascual fai da comedia en Protexta. Falamos da presentación dos actores, da intervención do público e analisamos datos como os símbolos (o ollo inscrito no triángulo, a balanza...) e o seu significado, da caracterización de San Pedro e de Luci (o personaxe que consideran máis atractivo), dos concursos da tele, dos atascos nos xulgados... e rematamos comentando as palabras de Luci sobre a traizón daqueles que rexeitan a súa lingua, "só os galegos non queren falar galego... pretenden ser algo diferente... un galego que vai en contra da súa lingua vai en contra da identidade do seu pobo "; Sara di que Luci ten razón en parte, tamén hai que ter en conta o que di o defensor: " unha persoa ten dereito a falar o que lle pete".
Nestas quedou o debate ata a vindeira sesión; lemos ata a páxina 71, testemuños de Diña e Eliseo.