22.2.10

Lendo "Maus" de Art Spiegelman...

A novela gráfica que estamos a ler, Maus, ten como subtítulo “relato de un superviviente”. A conta deste subtítulo, comezamos a última reunión do clube de lectura de banda deseñada cunha frase do filósofo F. Nietzsche: “Aquel que ten un por que para vivir pode enfrontarse a todos os comos”.
Foi moi interesante comentar as razóns polas que a algunhas compañeiras non lles está a encher a obra de Art Spiegelman, a lo menos de momento. Non obstante, a maioría si lles gustou. De momento, o que as chicas do clube de lectura resaltan da novela gráfica é: a sinceridade coa que conta o autor a relación co seu pai, non sempre boa; o trato ás mulleres naquela época; a claridade coa que o autor explica a necesidade de atopar temas para logo expresar na banda deseñada; a portada do libro na que o gato parécese a Hitler, en especial polo tipo de bigote... Resulta enriquecedor ver como compartindo as nosas experiencias de lectura aprendemos cousas das que antes non nos decataramos...
A foto é dunha exposición itinerante sobre Maus na que se resalta o trasfondo e orixinalidade da obra.

As duras críticas á sociedade: MALES de CABEZA


Esta mañá tivemos o terceiro encontro arredor do libro de Fran Alonso "Males de cabeza"; hoxe correspondíanos "Círculo vicioso", "Economía de guerra" e "Coma vostede e coma min".
O primeiro relato levounos ao mundo do futbol: a Marta non lle gustou nada polo tema pero recoñeceu que é un feito do que todos falan e que está de modo entre homes e mulleres de todas as idades; daí pasamos a falar do poder económico da industria do fútbol e de como este deporte nos pode illar doutros temas como a realidade política e económica do país.
Do segundo relato comentaron que está á orde do día, son moitas as persoas que se deixan levar por un consumismo compulsivo e non controlan a súa economia.
No terceiro reflexionamos sobre o trato que se lle dá aos animais, tan diferente: ou os maltratan ou os visten e coidan coma as persoas (falamos dos prezos dos traxes dos cans en Adolfo Domínguez, por exemplo); non reflexionaran sobre como a protagonista trata á súa criada, peor cós cans, chega a aconsellala que se prive da comida para darlla aos cans.
Sobre os fragmentos de "A tolemia é un sombreiro" continúan desconcertadas, din : xa se verá en que acaba isto...

Conclúen en que a obra lles está a dar unha crítica visión da sociedade actual...

CONTINUAREMOS................................