10.3.10

COMA O PATO DONALD


Esta mañá tivemos a reunión correspondente aos relatos: A sra. Lola, Bartolo o tolo e Coma o pato Donald.No caso do primeiro relato lemos primeiro o final do último relato de Cemiterio de elefantes onde aparece o personaxe aínda sen nome da sra. Lola, e comentamos a técnica do autor de retomar personaxes coma este creados noutros libros; tamén falamos sobre as ataduras afectivas que impedían ao personaxe marchar no tren.

Con Bartolo o tolo, falamos deses seres que existen en todas as vilas considerados "os tolos", discutimos da súa infelicidade que ás veces pasa desapercibida para todos.

O último relato foi o que máis nos deu que falar pois o tema pareceulles do máis actual -a anorexia- e todas tiñan algunha coñecida con esa enfermidade; debatemos sobre a responsabilidade dos medios de comunicación á hora de difundir certos cánons de beleza, da enfermidade e da súa extensión entre os adolescentes, das nosas palabras no momento de xulgar o aspecto físico das nosas compañeiras, etc.
Para a volta das vacacións remataremos o libro e presentaremos as conclusións.