21.4.11

Curiosidades da cultura xaponesa no club de lectura de banda deseñada

Na última sesión do club de lectura de banda deseñada decidimos comentar curiosidades da cultura xaponesa. Aí van algunhas:
- Entréganse enormemente ao traballo. É moi normal que traballen un número moi elevado de horas ao día. En Xapón hai unha cultura de gran admiración polas empresas. Resulta moi raro escoitar que alguén non se atope contento coa súa empresa. De feito, é habitual observar que unha persoa se vincule toda a vida á mesma empresa. Cando hai unha rotación interna e un empregado cambia de departamento é un drama e todo un acontecemento.
Respecto á “voz cantante” nunha reunión de traballo, cabe resaltar que sempre comeza e remata falando o xefe. A figura do xefe na cultura xaponesa é sagrada, a xerarquía é importantísima e ninguén a pode saltar.
Por outra banda, o concepto de traballo xaponés fixo que nacera a coñecida expresión de “folga á xaponesa”; esta a realizan aqueles traballadores que acudindo ao seu posto de traballo fan con esforzo e dedicación maior do normal as súas tarefas, provocando así un exceso de produción que os propietarios da industria non poden colocar no mercado, causándolles graves trastornos económicos.
- É típico alugar cans. Aínda que lles encantan os animais, os esgotadores horarios laborais e as casas extremadamente pequenas fan que moitos xaponeses opten por non ter mascotas. Para suplir esta carencia moitos recorren aos bares con gatos e aos alugueres de cans.
- Os xaponeses son extremadamente silenciosos e unha das cousas que máis lles chama a atención cando viaxan a outros países (especialmente aos occidentais) é o alto que se fala e o ruidosa que é a xente.
- Os xaponeses (referímonos sempre á xeneralidade) tenden a falar e actuar só despois de telo meditado e pensado minuciosamente, mostrando a debida consideración aos sentimentos e puntos de vista da outra persoa.
- Mentres que os baños tradicionais xaponeses son simples buratos no chan, os inodoros máis modernos incorporan lectores de tarxeta e incluso pantallas para poder escoitar a túa propia música ou ver fotografías.
- Ao revés do que sucede nalgúns países de occidente, as mulleres deixan pasar ao home primeiro ao entrar no ascensor, no metro, etc.
- Os índices de roubo e asasinato son os máis baixos do mundo. Tamén representan un dos índices máis baixos de piratería; non existe o “top manta” e a venda ambulante está prohibida.

Finalizamos a última sesión falando a grandes trazos da historia do manga, resaltando sobre todo como o manga é un fenómeno que chega a todas as capas sociais. De aí que sexa patente a estratificación de lectores a través de subxéneros deseñados para os diferentes tipos de lectores.
A cita discutida nesta sesión foi a seguinte: “Se o teu mal ten remedio, porque te aflixes? E se o teu mal non ten remedio, porque te aflixes?” Proverbio inglés