13.6.11

IV XORNADA DE CLUBS DE LECTURA

O pasado 10 de xuño tivemos a sorte de participar na IV Xornada de Clubs de Lectura das BIBES Galegas; Resultou (coma vén sendo habitual) unha xornada moi proveitosa tanto polas sesións que se desenvolveron coma polos encontros con compañeir@s doutros centros galegos nos cafés, no xantar... sempre é boa a oportunidade de coñecer as experiencias de máis clubs e aprender delas.
Enlazamos co blog das BIBES da Asesoría de Bibliotecas escolares:

A xornada comezou coa presentación do evento por parte das asesoras Dona Cristina Novoa e Dona Pilar Sampedro, que deron paso a unha interesantísima ponencia da profesora da Universidad de Barcelona, Dona Ana Díaz-Plaja Taboada que nos falou de "pasarelas lectoras", como pasar da literatura "lixo" á literatura clásica:  partindo do espírito minoritario da literatura de calidade e das súas características (por exemplo as da narrativa citando a sempre acertada Gemma Lluch) ás características da literatura "lixo" (previsibilidade das fórmulas narrativas, requerimentos de atención elementais, serialización...) ou da poesía "mala" según Desdot (perda do ritmo, forzar a sintaxe...), presentando os obxectivos dos mediadores (potenciar  a capacidade de relación e contraste, desenvolver a educación literaria...) e finalmente creando pasarelas  entre literatura e consumo (de Hércules a Superman, de Estopa a Quevedo...). Magníficaaa.

A seguir comezaron as reunións por zonas onde tivemos a ocasión de expoñer como se organizaban e funcionaban os nosos clubs, as actividades que desenvolvemos, encontros entre clubs, etc... coa súa correspondente posta en común (falouse de obras de teatro, textos e expresión corporal, convivencias entre clubs, escaparates, proxectos de mulleres, etc.).
Despois dun xantar no que "non paramos de falar" chegou a sesión "Algo máis que un club" na que coordinadores de cinco clubs de lectura expuxeron as súas experiencias de actividades paralelas á lectura: proxectos, encontros, actividades...
 Logo gozamos do encontro co autor do primeiro libro transmedia "El silencio se mueve", Fernando Marías que foi premio nacional de literatura infantil e xuvenil no 2006 e que nos falou da súa obra.
O broche final correu a cargo do músico Xabier Diaz, compoñente de Berrogüetto que nos deleitou coas súas interpretacións de música tradicional.
Toda unha intensa e pracenteira sesión de LECTURAS COMPARTIDAS. Moi agradecid@s ás nosas asesoras, Pilar Sampedro e a Cristina Novoa pola organización e a camaradería.





(As fotos son da autoría de Cristina Novoa, Nine Paz e Emilio Roca, a música é de KerKennai (Nas beiras de Lethes), graciñas a tod@s.