18.7.11

Lecturas de verán: UN DEDO MANCHADO DE TINTA de MANUEL PORTAS

“ …as súas mans estiveron xogando coa pluma… e manchouse de tinta… e un dedo quedoulle coa xema toda de negro… (pp350) E todo por se ausentar, por ir aos aseos, todo por un simple dedo manchado de tinta... (pp352)”

Gonzalo vainos contar una historia (… El é o autor –que vai ser, nin sequera o é aínda, que non comezou a escribir-, el será o autor, o resto non existe… (pp351)), una historia de historias, una novela de novelas, varias vidas e varias tramas protagonizadas por varios personaxes, vidas que nos atopamos no supermercado, nas oficinas do noso concello, nas páxinas do xornal ou no pub no que estamos tomando una copa, asuntos de hoxe no día a día, as historias deses homes e mulleres que comparten connosco o cotiá, que vemos na rúa, no autobús o una cafetería do aeroporto.

Quen non foi quen de, como Gonzalo, viaxar no autobús e escoitar as conversas dos outros pasaxeiros? De miralos e crearlles una vida e una personalidade? De facelos sentir e amar, e sofrer, de rir e de deixar escapar unhas bágoas rosaliás? De mirar cara o pasado e o porvir con medo? Deste xeito, o autor /o creador, Gonzalo ou o mesmo Manuel Portas (que non son identificábeis, ou si?) vai tecendo unha tea, unha pintura de vidas frescas (“… a paleta do pintor principiante…”), novas, cotiás que nos enrolan, que nos atrapan no seu rolo facendo que non pousemos a novela; queremos saber, entramos en cada historia, en cada día dos personaxes, que lles vai acontecer? Como se vai desenvolver cada un dos episodios?

Xogando cos narradores con mestría, da man do narrador omnisciente, o narrador en primeira persoa singular – Gonzalo ou o propio personaxe-, o narrador en primeira persoa do plural – Gonzalo e os lectores, Gonzalo e o autor- a tea vaise completando episodio a episodio.

O ritmo rápido que ás veces nos lembra a linguaxe xornalística, as imaxes relatadas con técnicas achegadas ás cinematográficas, á técnica telefónica nalgúns casos, conxúgase con breves pero moi intensas descricións “ … Que ela sempre foi un libro aberto escrito en clave, coas ideas agachadas entre liñas, e nos silencios agochados a pé de páxina, e todo o que ela insinúa coas reviravoltas e os meandros do disque e o seica.. (pp186)”

Os tempos non son moi longos, varios días ou semanas excepto nas referencias ao pasado dos protagonistas que nos relatan as súas vidas anteriores e poden abarcar mesmo anos máis aplicando unha redución temporal que lle serve ao escritor para informar, xustificar os aconteceres da actualidade destes personaxes.

No que respecta ao espazo estamos ante unha novela urbana e galega cen por cen, salvando o episodio de Chus que se inicia en Barcelona, pasando por Madrid, os escenarios son todos eles galegos, a maioría se desnvolven en Santiago de Compostela con referencias espaciais na Coruña, Carnota e na penitenciaría de Teixeiro. Poderiamos mesmo percorrera capital galega seguindo a novela: o aeroporto, as rúas, os pubs…

A estrutura da obra está moi traballada , comeza o autor, Gonzalo, cos Prolegómenos e o primeiro episodio, Bátegas de auga ( “… non é unha novela… é o soño arelado de me converter nun escritor…” pp. 7-8) que serven de introducción – abre, e el mesmo, a xeito de demiurgo que move os fíos condutores das historias dos personaxes,dos acontecementos, pecha a novela con IB-547. Logo dos Prolegómenos temos seis pequeñas novelas – quizais seis relatos extensos- completos no seu desenrolo (ao menos semellan selo), cada unha delas presentando a múltiples personaxes (os relatos céntranse nun personaxe principal mais presentan outros secundarios que no final terán moito peso no remate das novelas: Malulú é o presonaxe central pero María é tan actante coma el no desenvolvemento da historia). O relato final IB- 547 sérvelle ao escritor para unir nunha soa historia a todos eles e ao propio autor o que lles dá cohesión ás diferentes noveliñas. Ao mesmo tempo cada historia divídese en apartados, entre sete ou dez fragmentos organizados a xeito de capítulos dunha novela longa dos cales o primeiro soe servir de introducción e o derradeiro de remate.

Os personaxes e as súas vidas son o eixo principal da novela, os seus aconteceres do día a día que nos presentan un tecido que amosa o mundo social da actualidade en calquera pequeña cidade de Galiza: A inmigración, o mundo marxinal, a corrupción política e urbanística, a explotación no traballo das clases menos formadas, cada un deles representando un destes mundos cos que nos cruzamos todos os días, eles que sentan ao noso lado sen que escoitemos o que nos teñen que contar das súas vivencias. Solapadamente atopamos tamén críticas a súa situación: a masificación dos cárceres, as excesivas horas de traballo e as condicións nos hipermercados, o rexeitamento dos inmigrantes, a corrupción política e urbanística, etc.

Una novela actual da nosa cotidianidade, como o autor di:
“… A realidade era teimosa, e rebelde, e difícil de matizar, e cando quería colocábase a contrapelo para calquera interpretación minimamente satisfactoria… (pp. 84)”.