1.12.11

ARRUGAS: ORIENT EXPRESS



Aquí tedes o trailer da adaptación ao cine do cómic “Arrugas” de Paco Roca, o cal, estamos a traballar cos nosos alumnos. Arrugas narra a amizade entre Emilio e Miguel, dous anciáns recluídos nun xeriátrico. Emilio, que acaba de chegar á residencia nun estado inicial de Alzheimer será axudado por Miguel e outros compañeiros para non acabar na planta superior da residencia, o temido piso dos asistidos que é como chaman alí aos desafiuzados. O seu aloucado plan tingue de comedia e tenrura o tedioso día a día da residencia porque aínda que para moitos as súas vidas estaban rematadas, eles acababan de empezar unha nova...
Na última sesión do club de lectura de banda deseñada de alumnos de 4º da ESO, de 1º e de 2º de bacharelato TODOS AFIRMARON QUE LLES GUSTARA MOITO O CÓMIC. Foi todo un éxito a obra de Paco Roca no IES de Poio! Agora agardamos impacientes a estrea do filme nos cines no 2012!

29.11.11

UN DEDO MANCHADO DE TINTA, segunda sesión



Os chich@s do grupo de primeiro bacharelato atópanse desorientados, parece que a lectura tenos un pouco confusos: "Pérdome ao mudar de historia"; nesta sesión empregamos algún tempo en explicarlles que é unha novela de personaxes, unha novela coral onde cada historia é o mundo dun personaxe diferente.
Tralas explicacións estaban máis centrados e puidemos concentrarnos na historia da profesora e o inmigrante; alegrounos constatar que os nosos alumn@s non son nada racistas, cando comentaron a historia non puxeron de manifesto ningún prexuízo social, pareceulles do máis normal a relación que se establece entre os protagonistas, só Jenny apreciou algúnhas susceptibilidades por parte do comisario.
Tamén comentamos a inxustiza cometida co home que acaba na cadea por unha denuncia contra el, falsa e comentaron que é moi factible que se dea un caso coma este, din que nas noticias escoitamos moitas historias coma esta.
A pesar da confusión inicial concluíron que o libro estalles gustando.