15.4.12

O SORRISO DE LUCÍA

  

   Lucía estudia 1º de ESO no noso centro, ela e máis as súas amigas visítanme con frecuencia na biblioteca durante o tempo de lecer, veñen facer os traballos de Cousas de Castelao que lles encargou o profe de galego,    a estudiar a última lección, pídenmme que as axude a localizar Memorias dun neno labrego ou Fortunato de Transmundi pero tamén reclaman o último tomo da saga de Crepúsculo, Amanecer, unha e outra vez pois alguén o levou en préstamo e non o dan devolto; pacientemente esperan e lévanno elas.
   Antes das vacacións de Semana Santa pedíronme "El asesinato del profesor de matemáticas" (imaxino que sen idea algunha de perpetrar a historia) pero non o tiñamos: 
   - Podo ofrecervos o asasinato da profe de lingua - díxenlles, pero xa o leran.
   Tamén solicitaron unha obra que eu non coñecía: "Canciones para Paula", sabían o autor, que eran tres tomos, vendíanos en Carrefour... desbordábase a súa ilusión por lelos e non puiden resistirme, prometinlles que mercaría os libros para a biblioteca.
   Durante as vacacións  achegueime ao hipermercado e atopei os libros, eran 20 euros cada un e decidín que os mercaría nunha das nosas librerías por aquilo de darlles ganancias e axudarlas a sobrevivir.
   Á volta viñeron buscar os libros, expliqueilles o motivo de non telos comprado e prometeron volver esta semana próxima (mais sei que xa desconfían, miráronme con incredulidade, notei a súa decepción). 
   Onte por fin achegueime á nosa librería de sempre (e aínda me fixeron desconto...), mañá luns espero a visita de Lucía e as súas amigas e gozo imaxinando o seu sorriso de pracer, sei que ese sorriso compensará as moitas horas de traballo na biblioteca, a redacción de proxectos para conseguir subvencións, que esas axudas regalaranme a ledicia de Lucía e as súas amigas; entón o meu traballo terá un sentido moi importante e moi, moi pracenteiro porque o compartirei con Lucía, as súas amigas e o seu sorriso.

2 comentarios:

  1. Que chulo. Espero que Lucía e as súas amigas sorrían moito mañán!

    ResponderEliminar
  2. Espero que Lucía e as súas amigas sorrían moito.

    ResponderEliminar