28.9.12

PRESENTACIÓN DE 15724 DE XESÚS CONSTELA. Os trasnos dos libros arroupan ao seu escritor.


No día de onte, a súa familia, os seus amigos, profesores  e alumnos (Os trasnos dos libros) do IES de Poio,e os seus seguidores literarios,  quixemos acompañar ao noso escritor, profesor e compañeiro Xesús Constela na presentación da súa obra 15724 no fermoso marco do Salón de Actos do Edificio Sarmiento do museo de Pontevedra.
O salón estaba cheo e o auditorio moi entegrado concorde á ilusión que o noso escritor sentía por presentarnos esta súa última novela.
No acto organizado polo Ateneo de Pontevedra participaron, acompañando ao escritor, varias persoeiros relacionados coa cultura e co mundo literario galego:
Xaime Toxo destacou que a obra é "Unha novela contra a complacencia (...), unha novela clave da nova narrativa galega". Ana Isabel Vázquez Reboredo dixo que é " Unha novela que nos vai sorprender".
Manuel Bragado fixo un percorrido polas excelentes críticas literarias que está recibindo a obra narrativa, presentouna como a primeira novela do autor no catálogo de Xerais e destacou dela  o "gran dominio técnico e a ollada desconcertada sobre a condición humana", falou sobre o seu "título de poder metafórico" e comentou que era "unha novela aclamada unanimemente pola crítica galega"; fixo referencia ao "poder alegórico da obra que semella escrita para amosar o desacougo do noso tempo e país, da nosa sociedade; un alegato contra a pena de morte, o retrato da opresión das sociedades dictatoriais".
O escritor Adolfo Caamaño realizou unha interpretación literaria e técnica do autor e da súa obra moi  interesante, falou do "escritor que arrisca nos temas e do xeito singular de tratalos", de que  "a fronteira entre  o conto e a novela difumínanse en 15724 (...) Os diálogos intercálanse na narración sen interromper o ritmo narrativo, dándolle sempre un protagonismo claro ao contar en 1ª ou 3ª persoa (...) Atopamos unha contradición entre a ave protectora e a soidade e a indiferencia do individuo".
Continuou Adolfo Caamaño aportando datos sobre as paisaxes fabuladas, a fusión de mitoloxía e simbolismo, a cosmoloxía común da ave, os nomes-alcumes, a recreación que o autor fai no poético, o camiño que percorre na novela da fantasía á realidade máis crúa, do medo á liberdade, da dicotomía amor-odio entre irmáns e da ironía.


Presentación 15724 on PhotoPeach De seguido fixo a súa intervención o noso escritor feliz de compartir a súa obra con todos nós pois nas súas palabras "escribir é unha obra moi solitaria", falounos do título "número inquedante relacionado cun dos protagonistas" do proceso de elaboración do texto legal do Libro dos protocolos, dos catro narradores que atopamos en 15724 (un deles o propio escritor), de Samuel R. e de Gordo (os protagonistas). Concluíu que a novela é unha metáfora na que non se sabe onde remata a cordura e empeza a tolemia e como nos achegou datos sobre a pena de morte no mundo.
O auditorio ficou prendado con estes discursos e coas  interpretacións das pandereteiras A Buxaina nun fin de festa cheo de amizade e de literatura de calidade en galego .

OS NOSOS PARABÉNS, XESÚS. 


Tamém podedes seguir a entrevista que lle fixeron sobre a novela "Os trasnos":

http://aszocasfaladoras.blogspot.com.es/2012/05/os-trasnos-dos-libros-entrevistan-ao.html