17.4.13

Non me gustou o final...

Creo que Ledicia Costas vai ter que volver redactar un final para O corazón de Xúpiter, senón os participantes no club de lectura de 3º de ESO, grupo 1 seguiranme protestando coma hoxe: tod@s coinciden que a solución final á trama da novela é moi realista, que pode acontecer pero non lles gusta ese remate; así comezamos a sesión desta mañá e por suposto descolocáronme toda a programación do encontro comezando polo final, ademais todos completaran a lectura e non cumpriran coas partes sinaladas... menos mal que pouco puidemos reconducir o debate!!!!!

Inicimos logo o comentario dunha serie de temas coa idea de que reflexionasen cara a sesión de valoración que será o vindeiro mércores:

Falamos do chat, da posibilidade de chatear con estraños e dos riscos que, como lle acontece a Isla, conleva; coinciden no perigo que supón quedar con descoñecidos pero un dos chicos afirma que se previamente contactas por teléfono xa non serán estraños, neste punto as súas compañeiras non concordaban. Insisten na conveniencia de non quedar e menos en lugares apartados ou pouco frecuentados. Tratouse o tema das festas na praia pero el@s só participan polo San Xoán que é o noso patrón.

Pasamos logo ao cambio de cidade e amigos e pensan que Isla debía sentirse moi soa ( " por iso lle gusta tanto a Astronomía"), que non se comprendía cos seus país (polo castigo inmerecido para eles aínda que entendan a actitude dos pais) e do problema do acoso de Carballo, dicían que ante unha situación así hai que falar cos pais para pedir axuda e nunca co profesor pois podía provocar represalias dos acosadores.

Tratamos de seguido do tema da homosexualidade e do lesbianismo de Mar e comentan que lles parece moi ben que ela non oculte a súa tendencia sexual, que ven con bos ollos que os xoves expresen a súa homosexualidade con liberdade.



Para a sesión de valoración quedamos en que lle darían voltas ao lugar onde acontece a novela, reflexionarían sobre porqué os astros levan nomes mitolóxicos, sobre as estrelas, sobre o listado de libros que se citan na novela e por suposto sobre a novela en si.

Pecharon a sesión tal e como a iniciaron, encantoulles a novela pero "Hai que cambiar o final!!!". falaremos coa autora....