22.12.15

Resolución da convocatoria de Clubs de Lectura para o curso 2015/2016.

Hoxe aos clubs de lectura tocounos a lotería coa resolución da convocatoria de Clubs de lectura da Xunta de Galicia:


Estamos encantad@s coa asignación aos nosos clubs maiormente porque a recibimos tanto polo proxecto que presentamos este curso coma polo traballo realizado no curso pasado 2014-15 e que foi recollido e presentado na Memoria dos clubs.

É un importante recoñecemento ao noso esforzo polo fomento da lectura neste ilusionante proxecto que compartimos tod@s, coordinadores e alumnado, e nais participantes, a cantidade é importante para nós pois axuda a poder manter un nivel de lecturas acualizado e facilitar os nosos desprazamentos para convivir con outros clubs de lectura.

Parabéns para todos e todas por este fermoso agallasallo que hoxe recibimos e que nos anima a seguir compartindo e falando de lecturas un ano máis.

E o noso agradecemento a todo o equipo da Asesoría das Bibliotecas Escolares Galegas por confiar en nós e no noso proxecto (http://www.edu.xunta.es/biblioteca/blog/?q=node/827)... e por escoller a foto do noso club para a noticia.





18.12.15

Clubs de lectura, menú degustación. Nine Paz.

Ola a todos e todas:

Veño de ler un artigo na revista dixital EDUGA no que a nosa aprezada compañeira Nine Paz fala en "clave gastronómica" do marabilloso labor que mediadores e mediadoras dos clubs de lectura para adolescentes realizan.

http://www.edu.xunta.es/eduga/1008/hora-ler/clubs-lectura-menu-degustacion

Describe Nine Paz no seu artigo o seu traballo coma coordinadora, o sentimento que a todos e todas os que formamos parte dun club de lectura nos une, como membros dun grupo unidos pola maxia da lectura, un grupo ao que nos unimos con liberdade contaxiados polo "virus que nos abre novas portas e xanelas".

O reto que supoñen  os e as adolescentes "famentos" de lecturas aos que hai que ofrecer un variado e rico menú, saber escoitar as súas voces,  a proceso de selección de produtos no supermercado editorial ( romper cos estereotipos da literatura xuvenil de masas, coidar e atender ás lecturas na nosa lingua...), o aproveitamento do contexto da lectura, establecer vínculos con adolescentes doutros clubs....

Recoméndovos a lectura atenta deste artigo, atoparedes nel moito do que vivimos nos nosos encontros na biblioteca e tal vez algunha imaxe compartida.

Grazas a Nine pola túa reflexión e a vós que gocedes dos libros  nestas vacacións; á volta xa me contades.


17.12.15

Ata o seguinte trimestre!

Rematamos por este trimestre coas lecturas dos clubs de 2º da ESO e deixamos aquí as últimas conclusións dos pequenos grandes lectores e lectoras. 

ATENCIÓN! Algúns comentarios poden conter spoilers, así que, se non queres que che desvelemos o misterio dalgunhas lecturas, non sigas lendo este post

Sobre o final de Cartas de inverno, dinos Gonzalo que os personaxes acabarían posuídos polo "fantasma" e que agora vivirían na cripta. Segundo Fátima, os protagonistas morrerían queimados, aínda que a ela este final non lle gustou moito. Eimer é da mesma opinión que Fátima, pero engade que lle gustaría saber o que había realmente na cripta e, para el, estaría ben que na cripta tamén se encontrasen coa irmá...

Sobre Penúltimas tendencias, o que fixemos foi resumir os poemas nun twit (tamén lle podedes chamar chío, que é máis do país): 
Un libro de princesas diferentes e rebeldes, chío de Estela.
Dálle pereza ser unha princesa, chío de Uxía.
Un libro que rompe as barreiras e os estereotipos, chío de Martín.
Un libro máxico, chío de Miguel.
Aprende a convivir, chío de Mario

Bo Nadal a todos os seguidores/as do club, a todos os que nos ledes e ata xaneiro!

13.12.15

BO NADAL 2015


100000757637060 on piZap.com

Colaboración entre clubs "Os trasnos" e "Coristranca" : Programa de radio.

A proposta de Mercedes Queixas de que o noso club de 4º de ESO grupo 1 colaborara cos seus chicos e chicas do club "Coristranca, a lectura con retranca", xa que tod@s están lendo a mesma obra:
A praia dos afogados  de Domingo Villar, concretouse nin máis nin menos que na participación dos nosos rapaces e rapazas no seu programa de radio (número 177 de "A fume de carozo").

Foi toda unha experiencia lectora e radiofónica que podedes escoitar no seguinte enlace:

https://cuacfm.org/radioco/recordings/2015-11-24%2017-00-00%20a-fume-de-carozo.mp3.

Menuda ilusión que lles fixo escoitarse na radio!!!!  Tod@s desfrutamos coa colaboración, haberá que repetila.
 Grazas Mercedes.

25.11.15

Pequenas coleccións dos grandes lectores e lectoras do club de 1º de ESO



Hoxe no club de lectura de 1º de ESO gozamos da última sesión relacionada co álbum ilustrado Dióxenes de Pablo Albo e Pablo Auladell. Trouxemos á reunión as nosas coleccións particulares e curioseamos nos obxectos máis prezados dos compañeiros e compañeiras.

Houbo moedas (de Nerea), pulseiras (de Elisabeth), imáns de todas as partes do mundo (de Lola), útiles de debuxo (de Andrea), cousas atopadas en paseos (de Noelia), cromos, gomas de borrar e follas de colores (da profe Cris),... ata unha colección de post-it!!! (de Sandra). Algúns participantes esqueceron traer as súas (tantos exames en cabezas tan pequenas...), pero xa nos adiantaron que veremos minerais (de Manuel), osos de peluche (de Abraham), cromos de fútbol (de Dylan)... e outras que son todo un misterio.

Na próxima sesión entregaremos a próxima lectura, que agardamos vos guste tanto ou máis que a que xa rematamos. Vémonos o mércores que vén!

18.11.15

Club de lectura 2º ESO e as "Cartas de inverno"

No outro Club de lectura de 2º da ESO comezamos, por fin! con Cartas de inverno, unha das novelas máis lidas do escritor galego Agustín Fernández Paz. 
Como dixo unha das lectoras, Cartas de inverno "é unha historia de misterio. Un rapaz atópase en apuros e para explicar o que lle pasara envíalle unhas cartas a súa irmá". 
Non pode estar mellor resumido o argumento, pero a pregunta agora é, que lle pasaría a ese rapaz en apuros? Con que misterio se atoparía?

ESPERAMOS RESOLVER ESTE ENIGMA A SEMANA QUE VÉN!

Club de lectura 1º de ESO: Dióxenes de Pablo Albo e Pablo Auladell



Nestas últimas dúas semanas, os dous grupos do club de lectura de 1º de ESO rematamos a lectura de Dióxenes, de Pablo Albo e Pablo Auladell, un álbum ilustrado publicado por Kalandraka.

Gustounos moito a todos e todas pola súa orixinalidade narrativa (cada relato, aparentemente independente, fai un guiño moi sutil aos outros textos do libro), pola construción dos personaxes (especialmente, o protagonista e os seus irmáns) e polas ilustracións (xa sabemos de onde saen os caramelos de Eucalipto!).

Quedamos con ganas de saber se o tío será quen de declarar o seu amor algún día...

Na próxima sesión falaremos das nosas coleccións particulares, as que tiñamos de pequenos ou as que seguimos atesorando... Haberá coleccións tan sorprendentes coma as de Dióxenes e a súa familia?


17.11.15

Penúltimas tendencias

Seguimos, os rapaces de rapazas de 2º da ESO, lendo o poemario Penúltimas tendencias. Hoxe non avanzamos moito, algúns poemas eran un pouco difíciles de entender e só nos centramos nuns catro ou cinco poemas, pero algúns foron lidos a dúas voces e quedounos moi ben o recitado.
A semana que vén, máis! A ver se acabamos daquela!

10.11.15

Hoxe comezamos a ler no grupo B do Club de 2º da ESO o poemario de Carlos Negro, Penúltimas tendencias. Aínda non chegamos á metade da lectura, pero entre os rapaces e rapazas xa saíron bastantes ideas interesantes que resumen este libro de poemas: "A moda acaba coas túas palabras", "As princesas de Disney son un cárcere", "O mundo tínguese de rosa", "Bolsas debaixo do brazo"... 
Esperemos que moitas ideas máis xurdan nunha próxima lectura!


28.10.15

Fotos de familia, clubs e coordinadoras


A celebración do Día da biblioteca serviunos para reunir a todos os clubs e presentar as súas coordinadoras… e tivemos CHEO:
20151026_114759
Club de Banda deseñada:
20151026_114631
Club de Novela fantástica:
20151026_114717
Clubs de 3º  e 4º de ESO:
20151026_114502

21.10.15

SESIÓN DE INICIO DO CLUB DE BANDA DESEÑADA

Onte tivemos a primeira sesión do Club de Banda Deseñada. Imos comezar o curso con Nela de Rayco Pulido. Agardamos que disfrutedes da obra! Pronto comentamos a mesma.

Club de lectura 2º de ESO

Este martes e mércores tivemos as primeiras reunións do Club de Lectura de 2º de ESO para o curso 2015-2016. A verdade é que a convocatoria foi un éxito e apuntáronse máis de máis de cincuenta alumnos e alumnas. Así que non nos queda outra que dividir este Club en dous grupos. Poio ten unha morea de lectores!!! 
A semana que vén volveremos a xuntarnos e decidiremos as lecturas deste primeiro trimestre. Só vos adianto que van de casas misteriosas e enmeigadas, de nenos pequenos que teñen que crecer sen axuda dos adultos e de mozas super mega fashion...

Reunión inicial do club de lectura de 1º de ESO: Lecturas como pulgas.


Hoxe, mércores 21 de outubro, tivemos a primeira reunión do club de lectura de 1º de E.S.O.

As profesoras responsables deste club, Cristina e Rebeca, explicaron que é un club de lectura e entre todos e todas revisamos as normas. Tamén asinamos o noso contrato de participantes no club.

Como somos tantos (32 alumnos e alumnas), xa nos dividimos en grupos de traballo e levamos á casa a nosa primeira lectura: un texto breve de Pablo Albo, ilustrado por Elena Arribas. O texto está dispoñible na páxina web do autor: Actividades para antes de leer un libro

Desexamos que gocedes da súa lectura e agardámosvos nas seguintes sesións.




18.10.15

Club de 3º ESO: LIBRO DAS ALQUIMIAS e XESÚS CONSTELA.

O xoves comezamos unha nova andaina do club de lectura de 3º de ESO recibindo a catro novos membros e cunha grande sorpresa, polo libro que imos ler e por recibir nesta sesión innaugural ao autor da lectura "Libro das alquimias" de Xesús Constela que tamén é o seu profesor.
Estaban encantados coa idea de ler a primeira obra xuvenil do seu profesor.
Xesús realizou a introdución á lectura (sen descubrir nen adiantar argumento) e sementou nos rapaces e rapazas o formigueo do desexo de comezar a ler.

Un comezo de luxo para un curso lector que promete ser moi enriquecedor: Grazas Xesús.

Adiantamos xa os plans para o esperado encontro co club do CEIP Progreso, encontro que se realizará en abril, en Catoira (por aquilo de devolverlles a visita) e no que realizaremos a posta en común da lectura desta obra, sesión na que tamén nos acompañará o autor.


Inicio do club de 4º de ESO, 1: A praia dos afogados.

O pasado mércores comezamos unha nova andaina co club de 4º de ESO, 1, un grupo de rapaces e rapazas que xa levan tres cursos no Club de lectura, por iso o arranque foi, inmediato, xa que non precisaba prolegómenos.
Comezamos visionando o booktrailer de "A praia dos afogados" que nos serviu para coñecer a Leo Caldas e ao seu creador, Domingo Villar.
Comentamos a posibilidade de ir ver o filme a vindeira semana, daí a escolla da obra, e realizar no fin de curso o roteiro do mesmo.
Pero polo de agora, comecemos a lectura:


18.9.15

OS TRASNOS DOS LIBROS ESTANSE PREPARANDO PARA INICIAR UNHA NOVA CAMIÑADA ENTRE LECTURAS.

Boas a todos e a todas "Os trasnos dos libros" do IES de Poio:

A nosa coordinadora, a profesora Montserrat Bragado e mais eu, Anxos Rial,  xa estamos dándolle voltas ao proxecto para os clubs de lectura deste novo curso; estamos organizándonos e  a vindeira semana colocaremos nas aulas a convocatoria para que vos anotedes.

Tamén nesta semana presentaremos o proxecto á aprobación do Consello Escolar. Teremos como xa é habitual o club de comic, o club de narrativa en galego e con un pouco de sorte teremos caras novas á fronte do club.

Esperamos que sexades moitos e moitas os que vos animedes a acompañarnos nesta colorida e marabillosa camiñada polo mundo das lecturas.



Os trasnos dos libros en San Jordi, Día do libro, Barcelona.

30.6.15

Lecturas do Irmandamento de clubs de lectura

No Irmandamento de clubs de lectura "Aquí lemos xuntos" (do Ies de Catoira) e "Os trasnos dos libros" (do Ies de Poio) realizamos un percorrido por sitios emblemáticos do Concello de Poio onde realizamos lecturas explicativas dos lugares. Aquí vos deixamos unhsa fotografías dos folletos creados para as lecturas...



E aquí vos deixamos o enlace de "Aquí lemos xuntos"

25.6.15

O club del lectura de 4ºA convértese en Hotel

Como culminación ao grupo de lectura de 4º da ESO A, coordinado por Mª Elena Costas Crespo, os membros do club asistiron a un taller impartido pola empresa de eventos “Elefantes de Cacharrería” e, posteriormente, desfrutaron da posta en común das súas impresións sobre a obra lida Hotel Almirante, de Marta Rivera de la Cruz, recreando o espírito deste lugar.